Monday 29 de April de 2024

O alcalde de Padrón defende medidas que axuden a veciñanza respetando todas as normativas vixentes


O Executivo local pon en valor o Plan de Reactivación do sector comercial e turístico municipal

O alcalde de Padrón explicou hoxe á corporación local de Padrón, no marco dun pleno extraordinario, a bateria de medidas e accións desenvoltas no Plan de Reactivación do Sector Comercial e Turístico municipal. “A prioridade deste Goberno é dinamizar e impulsar o comercio e o turismo como folla de ruta para paliar os efectos da crise da Covid-19”, sinalou o alcalde de Padrón.
Nesta xornada, a corporación local de Padrón debateu varias propostas presentadas para polo grupo socialista relacionadas co turismo e o comercio locais. Porén, ningunha destas suxerencias saíron adiante, posto que, como explicou o alcalde e incluso recoñeceron outros grupos da oposición, “na súa maioría eran demasiado xenéricas como para poder ter unha aplicación real, e ademais varias destas medidas incorren en contradicións lexislativas respecto á normativa tanto estatal como autonómica”. Así, nesta sesión o rexedor explicou aos socialistas cales son as liñas de axudas concretas ás que se adscribiu o Concello de Padrón, bolsas que se dirixirán directamente aos pequenos empresarios da vila. Recentemente, o Executivo local aportaba 45.000 euros para ter acceso a unha subvención provincial de axudas directas a microempresas por valor de máis de 180.000 euros. “Dende a nosa posición buscamos a mellor forma de axudar a nosa veciñanza, pero sempre respetando a legalidade vixente, pois non pode ser doutro xeito”, apuntou Antonio Fernández Angueira.
Plan de Reactivación do sector comercial e turismo de Padrón
O Plan deseñado pola concellaría de Turismo articulouse en base aos obxectivos de apoiar ao sector comercial e turístico, crear un ecosistema de axentes económicos do territorio, impulsar medidas para os procedementos hixiénicos-sanitarios, potenciar o tecido empresarial da localidade, mellorar a confianza do consumidor, promover novos produtos turísticos e promocionar o turismo de proximidade. Así, nestes meses entregaronse 130 biombos protectores de cristal templado aos comerciantes de Padrón, e axudouse na adopción de medidas hixiénico-sanitarias, tamén se aprobou a exención de pago de terrazas para establecimentos hosteleros durante o 2020, creouse a campaña de dinamización comercial #PadrónVolve, a campaña ‘Cultura na rúa’ mediante a que se impulsaron xornadas de cultura na roa con varios artistas e se pintaron os pasos de peón co pemento de Herbón como protagonista, e próximamente rotularanse as fachadas dos establecementos comerciais coas imanes máis representativas dos museos de Camilo José Cela e de Rosalía de Castro. Neste contexto, entregaronse bolsas coa nova marca turística, realizouse un sorteo en Facebook de máscaras coa marca, e fomentouse a aparición de Padrón en revistas especializadas en turismo.

O equipo de gobierno impulsou unha nova marca, ‘Padrón, camiño e destino’, deseñouse unha nova web de turismo, creouse material audiovisual para dar visibilidade ao comercio local e ás distintas accións culturais desenvoltas en Padrón, como as visitas teatralizadas.
Tamén se fixo unha posta en valor do Xardín Botánico de Padrón coa creación dunha web propia en tres idiomas. Dende Cultura crearon un marketplace para promocionar o comercio e a hostelería local.
Todas estas accións desenvolveronse co consenso da poboación e en base as opinións da veciñanza e dos empresarios da vila. O equipo da concellaría de Turismo mantivo varias reunións cos distintos axentes sociais e económicos de Padrón, e ademais lanzouse unha enquisa a toda a cidadanía a través das TIC.
Impulso do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do casco histórico de Padrón
Unha vez rematada a sesión plenaria, a corporación local celebrou unha comisión informativa na que o executivo deu conta da modificación do contrato de servidos para a elaboración do Plan especial de protección e rehabilitación do conxunto histórico de Padrón. O Goberno local busca poder impulsar definitivamente este Plan e acelerar o proceso para que a cidadanía poida beneficiarse deste proxecto, que incidirá na mellora da estética urbana de Padrón.